A MESA POLO EMPREGO APROBA APOIAR A CANDIDATURA DO CONCELLO DE SANTIAGO CO PROXECTO DE APOIO AO EMPREGO PROTEXIDO (SINNUM JOB)

DATA DE PUBLICACIÓN 20 de Marzo de 2018

A Mesa polo Emprego reuniuse esta mañá no Concello de Santiago para abordar diversas cuestións de interese en materia de empregabilidade para este ano 2018. A xuntanza estivo presidida pola concelleira de Igualdade, Desenvolvemento Económico e Turismo, Marta Lois, e contou coa asistencia de Cámara de Comercio, Asociación de Empresarios do Polígono do Tambre, Asociación de Empresarios de Hostalería de Santiago, Universidade de Santiago de Compostela, CCOO, UGT e Asociación Plataforma polo Emprego.

Na xuntanza, Marta Lois deu conta das actividades que se desenvolverán durante este ano no marco da Estratexia de Emprego do Concello de Santiago para o período 2016-2020. As accións, que se estruturan en catro áreas de actuación, contan cun orzamento global de 105.000 euros e beneficiarán a 250 persoas.

Catro áreas 
O primeiro grupo de actividades leva por nome "Servizos de apoio ás persoas para a consecución dun emprego" e nel destacan os cursos de operador/a de máquina en almacén, escaparatismo, especialización profesional en cociña e eventos, condutor/a de carreta elevadora, informática básica para busca de emprego ou formación en habilidades sociais, así como titorías e grupos colaborativos de inserción.

Dentro da segunda área atópanse os cursos sobre as principais novidades introducidas pola Lei 9/2017, de 8 de novembro, de contratos do sector público, e o seminario sobre aspectos clave do regulamento europeo de protección de datos, ambos dentro da categoría "Emprego público e compra ética".

O terceiro grupo, que leva por nome "Fomento do emprendemento con especial incidencia na economía social", incorpora catro xornadas e un curso, sendo este último sobre comercio electrónico. As xornadas versarán sobre persuasión para a venda, linguaxe non verbal, internacionalización da empresa e técnicas de marketing dixital.

Tamén se elaborará un informe denominado "Análise da situación laboral comparada: España, Galicia, Santiago de Compostela".

Sinnum Job 
Tamén se deu conta da candidatura de Santiago á Convocatoria de Iniciativas Urbanas Innovadoras, co proxecto de Apoio ao Emprego Protexido (Sinnum Job). Trátase dun proxecto interdisciplinar orientado a impulsar un cambio metodolóxico no marco da Iniciativa UIA, orientado a deseñar un modelo de aplicación universal para a transición ao emprego de persoas con discapacidades ou en risco de exclusión. O proxecto incorpora actividades centradas na promoción da mobilidade eléctrica e busca ser un motor de sinerxias e futuros proxectos que sirvan como nexo entre grupos de investigación, empresas, administración e sociedade.

Este proxecto conta coa participación de destacadas entidades que traballan na integración socio-laboral de persoas con discapacidade ou en risco de exclusión social, coa intención de aunar os seus coñecementos e capacidades a favor da integración laboral deste colectivo.

As entidades presentes na Mesa manifestaron toda a súa disposición a apoiar o proxecto, liderado polo Concello de Santiago.

Plan Impulsa 
A concelleira explicou tamén a subvención que o Concello recibiu para o desenvolvemento do Programa Impulsa e que ascende a 526.000 euros. "Vén a completar -tal e como sinalou Marta Lois- o millón e medio de euros que recibimos o ano pasado para desenvolver o programa Ponte en marcha. Ambos os dous supoñen a empregabilidade de arredor de 400 mozos e mozas menores de 30 anos", engadiu.